21 abril 2013

XX FESTIVAL DE BANDAS DE MÚSICA DE SILLEDA



Onte celebramos o XX Festival de Bandas de Música de Silleda no auditorio da Semana Verde de Silleda, e para iso contamos coa asistencia da Unión Musical de Valladares. O auditorio volveu a abarrotarse!



 


 A Unión Musical de Valladares, banda invitada, abriu o festival co pasodobre "Escenas del Amor", seguido da suite "Capriccio Espagnol", a obertura "L´italiana in Algeri" e a jota "¡Viva Navarra!". Despois foi o turno da nosa banda, e comezamos coa obertura "Il Barbiere di Seviglia", seguida da peza "Porgy and Bess" na que destacaron e con nota moi alta: Xosé López ao fagot, Rocio Souto ao saxofón alto, Marco Lorenzo ao saxofón tenor e Manuel de la Torre ao trombón. Todos novos talentos cun gran potencial!!! Seguimos o concerto coa obertura "1812" e despois co "Can-Can de Orfeo en los Infiernos".





Esta vixésima edición do festival foi moi especial, como sabedes, estamos a celebrar durante este ano o 125 aniversario da fundación da nosa banda, e queremos aproveitar cada acto para mostrar o noso agradecemento a todos aqueles que contribuíron a construír a historia da mesma. Se hai uns días lle tocaba o turno á Empresa Cuíña, onte quixemos render homenaxe ás institucións: á Asociación Feiral Semana Verde de Galicia, ao Concello de Silleda, á Diputación Provincial de Pontevedra e á Xunta de Galicia. 

Como ben dixo onte Juan Carlos Silva Alonso, compoñente da nosa banda, no acto dos agradecementos, "a historia dun colectivo como o noso é unha historia de traballo discreto, anónimo e silencioso de moita xente, músicos e simpatizantes, ilusionados e comprometidos co proxecto. Pero este ingrediente indispensable non sería suficiente se as institucións non brindasen o seu apoio económico, loxístico e moral. Por este motivo rendémoslles homenaxe a todos aqueles que souberon xogar o papel que se esperaba de eles, dende a posición que en cada momento lles tocaba, dende a primeira fila ou dende posicións máis discretas, no goberno ou na oposición, e souberon ver na nosa banda un proxecto colectivo de futuro como poucos no noso pobo "

Recolleron o galardón, que foi encargado para a ocasión ao artista silledense Antonio González Abal:
  • D. José Maril Sánchez, expresidente da Asociación Feiral e da Fundación Semana Verde de Silleda.
  •  D. Juan José Salgueiro Montouto, ex alcalde do Concello de  Silleda, en representación da corporación municipal do período 1987 a 1999
  • D. Javier López Caramés, ex tenente de alcalde do Concello de Silleda, en representación da corporación municipal do período 1999 a 2007.
  • Dona Ofelia Rey Recimil, ex alcaldesa do Concello de Silleda, en representación da corporación municipal do período 2009 a 2011
  • Dona Paula Fernández Pena, alcaldesa do Concello de Silleda, en representación da actual corporación municipal.
  • Dona Ana Isabel Vázquez Reboredo, deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra.
  • D. Jesús Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O festival rematou cunha sorpresa a un antiguo membro da nosa banda, Alberto Fernández Sánchez "Codeso", que por motivos familiares está en México dende fai 4 anos,  fixémolo  subir ao esceario para tocar con nos dúas muiñeiras "Silleda, pobo e Música" e "Mozos do Penedo". Sen dúbida, unha merecida sorpresa que puxo broche final a unha edición que será recordada por todos nós.
Por último, moitas grazas ás azafatas, a Carlos Manuel Mosquera, a "Vilar" pola súa colaboración desinteresada, que sin ela non sería posible este acto,  e tamén a Isa da Floristería "Carmiña" de Silleda que deixou o auditorio moi vistoso e con gran colorido.




Enlaces de prensa:

07 abril 2013

"A BANDA DE SILLEDA, SINTONÍA DUN POBO"

Hoxe no Faro de Vigo publicouse un artigo que narra a historia da nosa banda con motivo do 125 aniversario. Neste artigo podemos ler anécdotas así como reflexións de músicos "veteranos" coma José Suárez, José Costoya ("Vilar") e José Villaverde.


 

Queremos facer unha mención especial a "Vilar", "Suárez", Remigio Montoto e José Villaverde xa que durante meses axudáronnos a identificar músicos en fotos antigas, a recopilar fotos así como contarnos un millar de anécdotas que ben merecen estar recollidas nun libro que logo sairá á luz.

Enlace de prensa:

Faro de Vigo:" La Banda de Silleda, sintonía de un pueblo"
 
 

23 marzo 2013

PRESENTACIÓN AUTOBÚS OFICIAL DO 125 ANIVERSARIO


Hoxe na nave do polígono de Silleda da empresa Cuiña presentamos o autobús oficial do 125 aniversario da banda.
  




















Nestes 125 anos de historia pasaron moitos músicos e directores que deixaron unha pegada imborrable, pero hoxe tócalle o turno á empresa Cuiña, que dende moitos anos nos acompaña alá onde imos. O autobús desta empresa familiar, que hoxe é un referente en Galicia, foi testemuña dos nosos éxitos, das longas horas de sono, dos kilómetros de conversa, de confidencias...

Queremos agradecer inmensamente á empresa Cuiña todos estes anos por ser unha fiel seguidora da banda, gracias a Lito (que sempre estará presente no noso recordo), a Edelmiro, a Manolito e a cada un dos conductores que xa  forman parte desta gran familia.

17 marzo 2013

GRAN FIN DE SEMANA CO MESTRE VILAPLANA


Este fin de semana vai ser inesquecible para todos nós. Fomos como ben dixo o mestre Vilaplana os “coelliños de indias” no seu seminario, porque pasaron pola batuta 14 alumnos, 7 o venres pola noite e o resto o sábado pola  tarde.

Foi unha experiencia moi enriquecedora para cada un de nós, e sobre todo  un privilexio seguir as indicacións deste gran director e compositor xa que é impresionante o que transmite coa sua mirada, cos xestos das mans ou da súa cara.
 
 
Quedamos coa sensación de que tiñamos que ter pagado tamén por asistir ó seminario, aprendimos moitas cousas co mestre, pero tamén con cada un dos alumnos. Entre as anotacións  técnicas que lle facía aos alumnos o mestre Vilaplana dixo entre outras frases célebres:

“Lo bonito de dirigir es que cogemos el sonido y lo transformamos en algo vivo”

“La música es como el ying y el yang, tenemos fortes porque hay pianos, tenemos lentos porque hay  allegros… así es la vida”

“Los directores construimos el sonido, es como si estuviéramos moldeando una figura de barro, por eso la dirección es fantástica”
 
Podedes ver a entrevista que fixo o Faro de Vigo ao Mestre Vilaplana no seguinte link:

10 marzo 2013

SEMINARIO CO MESTRE VILAPLANA

Do 15 ao 17 de marzo de 2013 participaremos no Seminario Galego de Dirección de Banda co compositor e director José Rafael Pascual Vilaplana.
 

 
   
Trátase do 2º encontro xa que no primeiro participou a Banda de Música de Catoira e agora tócanos a nós! Neste seminario asistirán 25 alumnos, dos cales 14 participarán activamente e o resto como oíntes. Os alumnos compartirán horas de formación e aprendizaxe co Mestre Vilaplana e tamén coa nosa banda para realizar as clases prácticas que se impartirán na Casa da Cultura e no auditorio feiral.
 
Algúns dos compoñentes da nosa banda xa participaron noutra ocasión nun curso de dirección co mestre Vilaplana, pero esta experiencia non deixa de ser novidosa xa que é a primeira vez que toda  a banda participa nun seminario, así que esperamos estar á altura!
 
Podedes ver a páxina web de José Rafael Pascual Vilaplana no seguinte link:
 
 

03 marzo 2013

A BANDA DE SILLEDA CUMPLE 125 ANOS

Onte fixemos a presentación en rolda de prensa  da programación de actividades que ofreceremos con motivo da celebración do 125 aniversario da nosa banda.
O lugar escollido para explicar aos medios todo o que temos organizado para o ano 2013 foi a nosa Escola de Música e estiveron presentes a alcaldesa, Paula Fernández, o concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez da Torre, así como antigos integrantes da nosa banda como José Suárez Lavandeira e José Costoyas ("Vilar"). Tampouco faltou o escritor Francisco Rozados ("Rochi") que recopilará a historia da nosa banda nun libro, no que dende un enfoque humano recollerá anécdotas, festas, momentos dos músicos con e sen instrumento... 




O punto de arranque oficial das actividades foi a gravación do CD Silleda, pobo e música en decembro do ano pasado no auditorio feiral e que pronto verá a luz. 
Como próxima actividade será o curso de dirección de banda dos días 15 ao 17 de marzo co compositor e director alacantino José Rafael Pascual Vilaplana no auditorio da Semana Verde e na Casa da Cultura.
 
Enlaces de prensa:

23 diciembre 2012

AS POMBAS DE CARBOEIRO

Este ano no concerto de Nadal volvemos a innovar! Desta vez conxugamos a música co teatro, e contamos coa colaboración de Fantoches Baj. O escenario elixido para levar a cabo esta fusión foi o Auditorio da Semana Verde de Galicia o 22 de decembro de 2012.


 A historia de As pombas de Carboeiro parte dun feito histórico e real cando o Papa Alexandre II obrigou ao rei Fernando II a repudiar á sua muller, Dona Urraca. A partir deste feito, e utilizando referencias ao tarot de Marsella, cantigas medievais ou lendas populares, nárrase a historia dun amor imposible entre dous xóvenes.
O auditorio volveu a abarrotarse e a nosa banda conseguiu levar a música máis alá! Foi unha experiencia moi interesante e enriquecedora tanto para os músicos como para o público.
Temos que agradecer novamente a Rafa o traballo e esforzo realizado nesta ocasión, xa que tivo que facer correccións nas partituras desta peza e invertindo moitas horas na súa preparación.  Un gran reto para todos os músicos, que sen dúbida valeu a pena!
Tamén temos que darlle moito, moito, pero que moito as grazas a Toño Paulino que fixo que parecera que estiveramos no interior do Mosteiro de Carboeiro! fixo unha réplica a gran escala e pintada a man deste emblemático monumento silledense!
Aproveitamos a ocasión para facer un avance do que estamos preparando para este ano 2013, xa que a nosa banda conmemora os seus 125 anos de existencia!No auditorio proxectamos un vídeo no que se fixo un breve resumo en imaxes da historia  xa centenaria da banda. Foi moi emotivo xa que lembramos momentos e vivencias  da banda que nunca esqueceremos!
Podedes ver o vídeo no seguinte link de Youtube: 125 ANOS DA BANDA MUNICIPAL DE SILLEDA